Home Biblioteca Actividades Novidades Links Especiais

   

Comunicado do Alcaide de Compostela
aos Munícipes

 

Bando Municipal. Bencaras viciñas e non menos estimados viciños:

Como sabedes, Santiago é desde hai uns anos un ponto de referencia en Europa para mamoneos varios. Fomos capital europea da cultura - nós, que non temos biblioteca pública merecedora dese nome - e levantamos edificios públicos para engrandecemento da modernidade en harmoniosa composición coas grandiosas construcións que lle dan carácter a nosa cidade. Nós mesmos temos cambiado, interna e externamente. No interior sentimos como nunca antes a íntima convición de sermos composteláns porén tivérades que emigrar aos concellos veciños coa casa e o neo-compostelanismo ao lombo. No exterior, non hai máis que ver como melloramos.

Unha dura proba agarda-vos para o vindeiro mes de Febreiro cando se reunan na nosa cidade os ministros de Interior e Xustiza da Unión Europea. Teredes que dar a talla e comportar-vos canto menos como os intérpretes daquela película española que se titulaba "Bienvenido, Mister Marshall" que tanto nos engaiolou a todos e a todas. É ben certo que os "tours operators" podian contratar outro tipo de reunión e non menos que os ministros de Interior son persoas, polo xeral, moi pouco estimadas nos seus paises de orixe, caso do ministro italiano que foi responsábel hai tan só uns meses da morte a tiros en Xénova dun manifestante anti-globalización.

Mais existen avantaxes que debemos ter en conta que permitirán dinamizar a nosa economía local e, se me apurades, comarcal, até chegar o vindeiro ano xacobeo. Pensade que con eles viaxan un porrón de asesores, xornalistas, secretários, xefes de Gabinete, subsecretários, directores xerais e un longo etcétera de improdutivos burócratas que viven de clo-cló a costa do erário público. Todos che veñen coa Visa Ouro aberta en canal e os gastos pagos. Traen carros grandes con chofer. Dormen nos mellores hoteis e liban xenerosamente licores da alto prezo. Algún gasta puros enormes. Outros pirran-se pola roupa. En fin, son xentes de alto poder adquisitivo e non trapalleiros.Virán acompañados dun importante número de efeitivos das Forzas de Seguranza, como corresponde a persoas que defenden, xunto cos ministros de Defesa, un orde social inxusto que fomenta a pobreza e a exclusión.

Uns 4.000 axentes da Policia Nacional velarán polo seu benestar e porque ninguén lles moleste mentres deciden o mellor xeito de defender os privilexios e fortunas que se están a gañar coa nova economia globalizada; unha compañía de Tunda-Tunda da Guarda Cerril acampará nas proximidades; un helicóptero incordiará desde a mañá cedo e vários centos de policias de paisano vixiarán que o terrorismo islámico ou doutro carimbo non chiste o máis mínimo. Todo este operativo estará coordinado pola Policia Autonómica Galega, feito este que garante dunha vez para sempre a nosa capacidade e preparación ao tempo que nos coloca á altura de corpos da tradición e prosápia como "Scotland Yard". De aí que eu, Alcalde-Presidente, declare que durante os días que dure a Cimeira de ministros de Interior e Xustiza da Unión Europea:

1. Non vos asustedes por conviver con miles de tipos e tipas uniformados e armados con metralletas, pistolas e fusís de mira telescópica. Haberá uns poucos menos vestidos de paisano e tamén fortemente armados perto de ti. Se algún se chupa moito e non resiste o noso albariño, comprobade que ten posto o seguro da pistola e aplicar-lle cazalla na caluga.

2. Fica proibida a circulación de crianzas e de nais en estado de boa esperanza, en especial pola Praza do Obradoiro, Edificio de Correos, Praza de Fonseca e por aí. Os colexios cercanos ao casco vello pecharán as súas portas e as criaturas a foder-se na casa. Aconsellamos ás persoas maiores que durante eses días se instalen na casa dos fillos ou que non pisen a rúa, non vaian ser arrastrados por unha carga policial.

3. Fica proibida a circulación fluvial polo Sar e o Sarela.

4. Non me dixedes bolsas do lixo ou do "Día"; ou dotro tipo ciscadas por aí. ¡Poñer-lles o nome, leche!.

5. Se a tráfego automovilístico é hoxe un completo caos, esperade a que se monte o chocho: haberá controlos policiais nas entradas á cidade, na circunvalación nova e vella, despois das rotondas, na Praza Roxa e onde se lles poña a estes bárbaros, que para iso mandan e están cagaos. O autobús urbano será obxecto de especial vixiláncia por se os terroristas deciden mover-se a 5 por hora, e os pasaxeiros poderán ser requeridos para que se identifiquen.O autobus parará onde maís amole a todo cristo, automovilistas e peóns mentres haxa cacheo.

6. Proiben-se os postos das paisanas no mercado.

7. Deberedes levar o carné de identidade e cando volo pidan teredes que sacá-lo sen chistar, a modo, iso sí. Durante os días que dure a reunión, todos e todas sodes sospeitosos. Será conducido a comisaría toda persoa que teña pinta rara, ame aos animais e vista como lle pete. Proibe-se ter na casa exemplares de "Ardi Beltza".

8. Non vaiades aos actos que convoquen os resentidos de sempre que só buscan o fracaso da nosa Revolucíon Nacional Sindicalista, ¡qué digo!, do noso sistema democrático plural que é a envexa de todo maría santísima.

9. A conferéncia de ex-ministros do Interior que se celebrará paralelamente à reunión de ministros de idem en exercicio, será pública e gratuíta. Contaremos coa presenza de Manolo Fraga que disertará sobre "Delgado e Granado, dous anarquistas inocentes que axusticiaron. Eu sabia que eran inocentes", com Rodolfo Martín Villa que falará sobre "Caso Scala: cómo montar unha trama criminal contra a C.N.T., con mortos polo meio", e con José Barrionuevo que disertará sobre o tema "Me cago en el Amedo de Dios".

En Compostela, a 26 de Xaneiro de 2002. O Alcalde Presidente. Sánchez Bugallo, "Nitro".